1953-A_lus_do_candil

Cuberta “Á lus do candil”

Formato/tipoloxía

“Á lus do candil. Contos a carón do lume” é a primeira obra de ficción do escritor Ánxel Fole. Unha colección de quince contos esencial para comprender os inicios da recuperación da literatura galega despois da Guerra Civil. A primeira edición do libro foi publicada por Editorial Galaxia en 1953 e ilustrada por Xohán Ledo, o responsable de arte durante os primeiros 30 anos da súa andaina.

A parella de libros de Ánxel Fole “A lús do candil” (1953) e “Terra brava” (1955) son dous fitos decisivos no asentamento da editorial. Fole foi a primeira aposta narrativa de Galaxia, e tamén o medio de cubrir unha das súas prerrogativas, a atención á cultura popular. A escrita do lugués entronca coa literatura oral, coa recollida de relatos de corte tradicional. É moi destacable neste realismo popular, ancorado no etnográfico, o emprego da lingua coas variantes dialectais, trazas e xiros próximos á xente do rural.

Xohán Ledo non se deixou atrapar polo estéril debate entre experimentación e tradición, xa que foi un epígono da xeración Renovadora dos anos 20 e 30, que baseou a súa práctica na conciliación de ambas rutas. “Á lús do candil” é o libro mellor editado por Galaxia ata ese momento. Aquí, ademais da da cuberta, hai quince ilustracións, na súa orixe a pincel e probablemente linóleos, que iluminan cada un dos contos do libro, encabezándoos.

A cuberta figura en todas as antoloxías da editora. Compositivamente, dispón as tintas e os pesos e baleiros asimetricamente, ata compoñer un sutil desequilibrio que devén en harmónico. O tenebrismo das ilustracións interiores, en negro rotundo, dulcifícase grazas á gama cromática escollida —que lembra moito a habitual no mid-century modern americano— mais sen caer no idealismo. O traballo caligráfico, en exipcias e romanas non moi refinadas carácter a carácter, funciona como bloque expresivo, coas súas formas e contraformas dialogando coas manchas de cor sobre as que se asenta.

Se o fondo ten trazas contemporáneas —lévanos ao color field de Morris Louis ou Clyfford Still—, o debuxo enmárcase no expresionismo de xeito amplo, rememorando tanto aos aquelarres de Goya como a Emil Nolde ou o seu admirado Kirchner, todos eles filtrados pola sombra dun Castelao omnipresente na praxe de Ledo. No interior, ademais, algúns dos debuxos incorporan outros reflexos, como os do grotesco de Ensor ou incluso certo futurismo de Depero.

Texto de Antonio Doñate Mañeru

Créditos

Anxel Fole (autor)
Editorial Galaxia

1953-A_lus_do_candil

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos